viernes, 23 de enero de 2015

BOLSAS DE FORMACIÓN NA DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto e duración das bolsas de formación
As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e o seu ámbito.
A Dirección Xeral de Comercio elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos á actividade comercial, o estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, e o sector da distribución e as estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias de comercio e artesanía sobre as cales o centro directivo ten competencia.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverán os/as bolseiros/as.
O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2015 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación das persoas bolseiras ata o 30 de decembro.
Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.
c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes no ano 2007 ou posterior.
d) Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio.
e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.
f) Non gozar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.
g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
h) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
Prazo de solicitude: ata o 23 de febreiro de 2015.