martes, 27 de agosto de 2013

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto: As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o retorno das persoas emigrantes e dos seus familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos iniciais que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. 
Persoas beneficiarias: Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e fillos/as, das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
Gastos subvencionables: Serán gastos subvencionables os gastos de primeiro establecemento tales como gastos de notario e rexistro, taxas, licenzas administrativas, material de oficina non inventariable e honorarios profesionais xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.
Contía máxima da subvención e concorrencia de axudas
1. O importe da subvención concedida será dun 80 % do gasto subvencionable segundo o orzamento presentado, ata unha contía máxima de 3.000 euros, para o caso de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia e de 5.000 euros, para o caso de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. As ditas contías máximas incrementaranse en 1.000 euros máis cando a persoa solicitante teña 39 ou menos anos.
2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso, o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.
Prazo de presentación de solicitudes: O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro de 2013.