AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL
ObxectoRegular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020 destinadas a:
a) Adquirir maquinaria e equipamento co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.
b) Pór en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras.
Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria de axudas estará dispoñible, no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, a relación de aldeas modelo declaradas polos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Persoas e entidades beneficiarias
a) Microempresas e pequenas empresas situadas en zonas rurais. Para estes efectos, a definición de pequena empresa é a que resulta do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, pola que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.
c) Titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Outros datos
A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de axuda do 45 % dos gastos subvencionables.
As axudas concedidas están amparadas no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L352, do 24 de decembro), referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.