viernes, 14 de enero de 2022

CONVOCATORIA 2022 PROBAS DE CONSTATACIÓN DA CUALIFICACIÓN INICIAL PARA O EXERCICIO DA ACTIVIDADE DE CONDUTRO/A PROFESIONAL DE DETERMINADOS VEHÍCULOS DESTINADOS AO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS OU DE VIAXEIROS/AS POR ESTRADA

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se desenvolve a Resolución do 26 de novembro de 2021, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 235, do 9 de decembro de 2021), e se nomea o tribunal para as convocatorias do ano 2022.

Desenvolvemento das probas

1. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal, dentro do calendario publicado na Resolución do 26 de novembro de 2021, e publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio, de conformidade co disposto na sección 2ª do anexo V do Real decreto 284/2021, do 20 de abril. O lugar de realización será na cidade de Santiago de Compostela. Sen prexuízo do anterior, a distribución definitiva horaria e espacial das persoas aspirantes poderá ser modificada por decisión do presidente e da secretaria do tribunal ata o momento da realización do exame por razóns organizativas.

2. Na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade e na resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas publicaranse as instrucións que deben cumprir as persoas aspirantes en relación coa crise sanitaria da COVID-19.

3. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e quen non compareza perderá o dereito a realizar a proba.

4. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa inadmisión á realización das probas. Poderán presentarse ás probas convocadas pola Comunidade Autónoma galega con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar en que realizasen o curso preceptivo, ao abeiro do artigo 18 do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.

5. O tempo para a realización do exame será de 2 horas.

6. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

7. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

8. Unha vez rematado o exame, publicarase a relación de respostas consideradas correctas, o antes posible, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.
Durante o día seguinte á publicación da relación de respostas correctas, as persoas aspirantes poderán facer chegar as impugnacións que consideren oportunas sobre as preguntas formuladas e remitilas á secretaria do tribunal a través do seguinte enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.
Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela.
A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aptos/as e non aptos/as, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. A partir de entón abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar á secretaria do tribunal as peticións de revisión, para a súa toma en consideración. As solicitudes de revisión deberán presentarse directamente ante a secretaria do tribunal, dentro do referido prazo de dous días, mediante a remisión ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal
Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.