CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto realizar a convocatoria para o ano 2022, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento TR305A), preferentemente para persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), cun total de 460 prazas nas unidades de competencia que se indican no anexo I e cun total de 1.600 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:
– Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 240 prazas, nas seguintes unidades de competencia:
• UC0080_2. Efectuar a vixilancia e protección de bens e persoas en espazos delimitados e do transporte de fondos e obxectos valiosos.
• UC0081_2. Efectuar o acompañamento, defensa e protección de persoas ou grupos concretos.
• UC0082_2. Efectuar a vixilancia e protección de fábricas, depósitos e transporte de explosivos, armas, cartucharía e substancias perigosas.
– Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes (SAN122_2): 170 prazas, nas seguintes unidades de competencia:
• UC0360_2. Colaborar na organización e no desenvolvemento da loxística sanitaria en escenarios con múltiples vítimas e catástrofes, asegurando o abastecemento e a xestión de recursos e apoiando os labores de coordinación en situacións de crise.
• UC0361_2. Prestar atención sanitaria inicial a múltiples vítimas.
• UC0362_2. Colaborar na preparación e na execución de plans de emerxencias e de dispositivos de risco previsible.
• UC0072_2. Aplicar técnicas de apoio psicolóxico e social en situacións de crise.
– Amarre de porto e monoboias ( MAP404_1) e unha unidade de competencia UC0010_1: 50 prazas, nas seguintes unidades de competencia:
• UC1308_1. Realizar as operacións de amarre e desamarre de buques en porto.
• UC1309_1. Realizar as operacións de amarre, conexión/desconexión de mangueiras e desamarre de buques a monoboias.
• UC0733_1. Actuar en emerxencias marítimas e aplicar as normas de seguridade no traballo.
• UC0010_1. Contribuír ás operacións de cuberta nunha embarcación pesqueira.
2. Tamén se poderá inscribir o persoal civil para acceder ao procedemento no caso de quedaren prazas vacantes non cubertas polo persoal militar.
3. Poderán ampliarse a outras cualificacións profesionais completas ou parciais as unidades de competencias convocadas e, para eses efectos, publicaranse polos mesmos medios que a presente convocatoria coa apertura de prazo para presentar solicitudes ás novas unidades convocadas.
Unidades de competencia convocadas
1. As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade son as recollidas no anexo I desta orde. No anexo I recóllese a relación de unidades de competencia das cualificacións profesionais convocadas, incluído o número de prazas en cada unidade de competencia, e con indicación dos títulos de formación profesional e/ou certificados de profesionalidade que recollen estas unidades de competencia.
2. No caso de que nalgunha das unidades de competencia convocadas as persoas candidatas admitidas non cubran o número de prazas convocadas, o Instituto Galego das Cualificacións poderá asignar estas prazas a outras unidades de competencia doutras cualificacións profesionais das convocadas.
Sedes do procedemento
Os lugares que serán sede do procedemento son os establecidos no anexo II. A fase de asesoramento, así como a fase de avaliación, poderán desenvolverse noutros centros de traballo ou noutras instalacións distintas ás que figuran neste anexo II, o que se lles comunicará ás persoas candidatas coa suficiente antelación.
Puntos de información
1. A Consellería de Emprego e Igualdade garantirá un servizo aberto e permanente a todas as persoas interesadas en obter unha acreditación oficial da súa competencia profesional, que lles facilite orientación e información xeral sobre o procedemento, sobre a documentación que deberán presentar, requisitos de acceso, lugares e datas de presentación de solicitudes.
2. Nesta convocatoria, a información e orientación necesaria para aquelas persoas que queiran participar no procedemento será facilitada nos seguintes puntos:
a) No Instituto Galego das Cualificacións.
b) Nas xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade.
c) Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.
d) Nos centros propios de formación profesional para o emprego da Consellería de Emprego e Igualdade.
Requisitos de participación no procedemento
1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os requisitos sinalados no artigo 11 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, coas modificacións introducidas polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.
a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluídas, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titulares dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de nivel 1, e 20 anos cumpridos para unidades de competencia de niveis 2 e 3.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:
c.1) No caso de experiencia laboral xustificaranse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria para unidades de competencia de nivel 2 e 3. Para as unidades de competencia de nivel 1, requirirase xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
c.2) No caso de formación non formal para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, deberanse xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 1, deberanse xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas neles.
d) Non estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicitan.
e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicitan, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicitan.
f) Non estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicitan.
g) Con respecto ao persoal militar, deberá cumprir o seguinte requisito: ser militar cunha relación de servizos de carácter temporal, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), en unidades, centros ou organismos do Ministerio de Defensa.
2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.
Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Formación e Colocación designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.
Presentación de solicitudes
1. As persoas interesadas en inscribirse nas cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.
2. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante, deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, e poderán achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.
3. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento. As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional, coa excepción da unidade de competencia UC0010_1, que poderá ser solicitada xunto coas unidades de competencia da cualificación profesional de Amarre de porto e monoboias (MAP404_1).
4. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
En caso de enviarse por correo no encabezamento da primeira folla da solicitude de inscrición, deberá figurar o selo de correos, para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia da documentación que se precise.
Prazos de inscrición no procedemento
1. O prazo de inscrición será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Criterios de prioridade na admisión das persoas ao procedemento
1. No caso de que haxa un número de solicitudes maior que prazas convocadas, estas ordenaranse aplicando, de forma sucesiva, os seguintes criterios:
a) Persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS) e ter acreditada por calquera vía algunha unidade de competencia incluída na cualificación profesional que se pretende obter.
b) Persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS).
c) Persoal civil que acreditase por calquera vía algunha unidade de competencia incluída na cualificación profesional que se pretende obter.
d) Persoal civil.
2. Á hora de aplicar cada un dos criterios anteriores, no caso de que o número de persoas que cumpra os requisitos establecidos supere o número de prazas, serán admitidas para participar no procedemento as persoas que obteñan maior puntuación, ata o número de prazas establecido na convocatoria, de acordo cos criterios que se establecen no baremo que figura no anexo II desta orde.