lunes, 24 de enero de 2022

NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS CON ESTE INSTITUTO 2022

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas con este instituto, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

Publicación e convocatoria das bases reguladoras
Publicar as bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas co Igape, e convocar para o ano 2022 as devanditas operacións de refinanciamento, que non terán a consideración de axuda de estado, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

Tramitación anticipada
Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas operacións á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento do acordo de concesión.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30.12.2022.

Beneficiarios
Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.
b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nas letras a) e b) anteriores exceptúanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.
Modalidades de operacións
En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dunha nova operación.