Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
2.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
2.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
2.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
2.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
2.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
2.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
3. O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que adapte o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Enténdese por investimento neto o importe orzado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.