CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes
Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición
O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 927.
Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos
Corpo de mestres: 298.
Corpo de profesores de ensino secundario: 577.
Corpo subgrupo A2 que teña as competencias para impartir módulos profesionais da formación profesional: 27.
Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 25.
Prazas de promoción interna
Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:
Acceso ao corpo de inspectores de educación: 10.
Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 87.
Reserva para persoas con discapacidade
Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva superase a proba e non obtivese praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluído pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.
Acumulación das prazas
1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.
2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, cando sexa o caso, na correspondente especialidade.
3. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.
Acumulación das prazas coa oferta de emprego aprobada polo Decreto 84/2021, do 12 de maio
As prazas correspondentes a esta oferta de emprego acumularanse coas correspondentes á oferta de emprego aprobada polo Decreto 84/2021, do 12 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
Non superación do número máximo de prazas convocadas
Os tribunais non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, se for o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso polo sistema de ingreso libre un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.