miércoles, 19 de enero de 2022

SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas de mulleres que sofren violencia de xénero.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres alcancen unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable.
A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, que contraten mulleres que sofren violencia de xénero para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
O número máximo de contratacións que se subvencionará por cada entidade solicitante establécese segundo a poboación do ámbito territorial da entidade de acordo co seguinte:
a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.
b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.
c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.
d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.
Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación na data do 1 de xaneiro de 2021.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.