lunes, 4 de mayo de 2026

CORRECCIÓN DE ERROS.-PROGRAMA RETORNA CUALIFICA EMPREGO 2026-27

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

CORRECCIÓN DE ERROS. Orde do 24 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027 (código de procedemento TR380A).

Advertido erro na devandita orde, publicada no Diario Oficial de Galicia número 79, do mércores 29 de abril de 2026, cómpre facer a seguinte corrección:

Na páxina 25863, o punto 1 do artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes, deberá quedar redactado do seguinte xeito:

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do oitavo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 30 de xuño de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do oitavo día hábil seguinte ao da súa publicación non serán admitidas.

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS ADAPTADOS QUE FACILITEN A PRESTACIÓN DE SERVIZOS A PERSOAS DEPENDENTES OU A PERSOAS CON DISCAPACIDADE 2026

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o exercicio 2026 (código de procedemento IF403A).

Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF403A).
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, que será a data límite de execución das actuacións subvencionables.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, sempre que reúnan os requisitos seguintes na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:
a) Estar legalmente constituídas, como mínimo, con dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade, ou no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, segundo corresponda.
b) Carecer de ánimo de lucro, é dicir, que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2º, 5º, 6º e 10º do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Que o domicilio social radique en Galicia.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións, agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico.
3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
4. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes. Comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 20.00 horas do mesmo día do mes seguinte. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF403A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico.