martes, 11 de enero de 2022

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE ARQUIVOS 2022


 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 16 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110A).

Obxecto
As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos servizos técnicos de arquivos.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Beneficiarios
1. Graduados universitarios ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.
2. Acreditación de dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial ou certificado Celga 3.
3. Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.