AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto e normativa de aplicación
1. O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos de biomasa. Os proxectos que se subvencionarán son os do grupo: A1 Estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 Cambio de queimadores existentes que non sexan de biomasa, B1 Equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou insert/cheminea de auga, B2 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible inferior a 1.000 l, e B3 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 1.000 l.
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Será necesario que as entidades colaboradoras sexan persoas físicas ou xurídicas, que presentasen unha declaración responsable como empresas de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non podendo estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Contía da axuda
A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 60.000 euros.
Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 euros en proxectos con reserva de fondos.
Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 1 de xuño de 2022.
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos.
3. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).