jueves, 13 de enero de 2022

AXUDAS A INVESTIMENTOS NON PRODUTIVOS VINCULADAS Á REALIZACIÓN DE OBXECTIVOS AGROAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS NOS PARQUES NATURAIS DE GALICIA 2022

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

ORDE do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e cos seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou á rendibilidade das explotacións agrícolas ou que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titular tanto persoas físicas como xurídicas propietarias ou arrendatarias, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na Rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.
b) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.
c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.
d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde; priorizaranse aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 5 que fosen efectivamente realizados desde a certificación de non inicio ata o 1 de setembro de 2022, para a anualidade de 2022, e o 31 de marzo de 2023, para a anualidade de 2023.