martes, 4 de enero de 2022

AXUDAS PARA MEDIDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E PARA A PREVENCIÓN E O TRANTAMENTO INTEGRAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO 2022

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI434B).

Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non convivir co agresor; b) estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; c) ter especiais dificultades para obter un emprego; d) carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
3. Non poderán ser beneficiarias as mulleres que percibisen esta mesma axuda con anterioridade.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.

Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas de indemnización as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non convivir co agresor; b) estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; c) ter dereito á percepción dunha indemnización por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.