CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como a mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos da Rede Natura 2000 ou nas súas áreas de influencia socioeconómica. Este obxectivo levarase a cabo por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 de Galicia.
Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2022 e 2023 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MT814A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titular as persoas físicas ou xurídicas (excepto sociedades mercantís, grupos de sociedades, agrupacións e unións temporais de empresas, cooperativas ou calquera outra entidade que exerza unha actividade económica) propietarias, arrendatarias ou xestoras de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na Rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000.
b) Os concellos incluídos na Rede Natura 2000 na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.
c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.