miércoles, 12 de enero de 2022

PROBAS DE ACCESO AOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E DE GRAO SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL 2022


 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 17 de decembro de 2021 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio (código de procedemento ED312C) e de grao superior (código de procedemento ED312D) de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022.

Finalidade e persoas destinatarias
1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuar formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

Validez das probas de acceso
1. De acordo co artigo 42 do Decreto 114/2010:
a) As probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio do Estado. O acceso a cada ciclo formativo de grao superior quedará determinado de acordo coa parte específica da proba superada.
b) Quen realice a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a supere na súa totalidade poderá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos en Galicia, durante os dous anos seguintes.
2. As exencións concedidas ao abeiro da presente convocatoria manterán a súa validez nas futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional en Galicia, sempre que se manteña a estrutura da proba.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio (ED312C)

Proba de acceso ao grao medio, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para accederen a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de realización da proba.

Proba de acceso ao grao medio, datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 3 e 16 de marzo de 2022, ambos os dous incluídos.

Proba de acceso ao grao medio, presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), que xerará un documento en formato pdf co formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición. No caso de solicitantes menores de idade, poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Proba de acceso ao grao medio, estrutura e organización
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 38.3 do Decreto 114/2010. Cada parte organizarase en probas de distintas materias, conforme o seguinte:
a) Parte sociolingüística:
– Lingua Castelá.
– Lingua Galega.
– Ciencias Sociais.
b) Parte matemática:
– Matemáticas.
c) Parte científico-técnica:
– Ciencias da Natureza.
– Tecnoloxía.

Proba de acceso ao grao medio, realización
1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 25 de maio de 2022 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior (ED312D)

Proba de acceso ao grao superior, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.

Proba de acceso ao grao superior, datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de xaneiro e 11 de febreiro de 2022, ambos os dous incluídos.

Proba de acceso ao grao superior, presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) que xerará un documento en formato pdf co formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Proba de acceso ao grao superior, estrutura e organización
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010. Cada parte organizarase en probas de distintas materias conforme o seguinte:
a) Parte común:
– Lingua Galega.
– Lingua Castelá.
– Matemáticas.
b) Parte específica. Organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e os ciclos formativos a que posibilita o acceso, segundo se establece no anexo VII. A persoa aspirante deberá elixir unha das tres opcións no momento de formalizar a solicitude de inscrición para a proba, escollendo dúas das tres materias das cales desexe ser examinada:
– Opción A: Economía da Empresa, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía.
– Opción B: Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial e Física.
– Opción C: Ciencias da Terra e Ambientais, Química e Bioloxía.

Proba de acceso ao grao superior, realización da proba
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010.
1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 28 de abril de 2022 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo a que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.