Axencia Galega de Innovación
jueves, 30 de julio de 2026
PROGRAMA RECUPERACION EXCELENCIA NEOTEC 2026
Obxecto
Apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados á convocatoria de referencia (programa Neotec) que obtiveron o selo Neotec na devandita convocatoria do ano 2025 pero que non foron beneficiarios por insuficiencia de crédito.
Beneficiarias
Terán a consideración de entidades beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, tendo presentado unha solicitude de axuda á convocatoria de referencia e obtido o selo Neotec conforme o artigo 14 da convocatoria de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria, conforme a resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria do programa Neotec do ano 2025.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse unha vez transcorridos 5 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará ás 23.59 horas do día 30 de setembro de 2026.
Procedemento de concesión, período subvencionable e xustificación das axudas
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
A data de comezo dos proxectos será o 1 de xullo de 2026.
A presentación da documentación xustificativa realizarase no prazo dun mes desde a data de remate do proxecto. Para estes efectos, terase en conta o establecido no artigo 26.1.
EMERXENCIA CINEXÉTICA TEMPORAL POLOS DANOS OCASIONADOS POLO XABARIL NA PROVINCIA DE LUGO
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
RESOLVO:Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal para o xabaril nos terreos cinexéticos e non cinexéticos da provincia de Lugo, debido ás circunstancias especiais e xeneralizadas derivadas dos danos ocasionados por esta especie á agricultura, gandería e ao ecosistema, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais e sanitarios ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das súas poboacións a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor desta resolución ata o 31.7.2027.
Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control das poboacións de xabaril, estándose en todo caso suxeito ás limitacións establecidas no artigo 44 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:
Permitirase abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Permitirase así mesmo abater crías e femias seguidas de crías, previa autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo co establecido no artigo 71 da lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
1. En terreos cinexéticos:
A) Durante período hábil de caza de xabaril (do 15.8.2026 ata o 28.2.2027, ambos incluídos):
As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, con comunicación previa ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, salvo o especificado no apartado A.2) para as zonas libres de caza, atendendo aos seguintes condicionantes:
A1) Nos terreos en réxime cinexético especial, (que comprenden os Tecor e explotacións cinexéticas comerciais de caza maior): as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2026/2027, deberán ser comunicadas previamente ao Departamento Territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).
A2) Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas en todo caso a autorización. Para isto, deberase solicitar ao Departamento Territorial competente en materia de caza, cunha antelación mínima de dez días naturais, (procedementos MT720K e MT720L). Desde o 15.8.2026 ata o 28.2.2027, nas zonas libres de caza poderanse autorizar cazarías ao xabaril unicamente os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.
En todos os terreos cinexéticos, na modalidade de agardo ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.
Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardos ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos esixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:
– Con autorización da dirección xeral de Patrimonio Natural, dispositivos de mira dos cales forme parte un convertedor ou amplificador electrónico de luz para o tiro nocturno durante a práctica da modalidade do agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.
– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas ao xabaril.
– Autorízase en terreos cinexéticos a achega puntual e concentrada nun só punto ou localización dunha pequena cantidade de alimento vexetal ou penso, cunha antelación máxima de 3 días á celebración do agardo ou espera, e sempre que isto non constitúa unha alimentación suplementaria. Non se permite o emprego de ningún tipo de equipo ou utensilio dispensador de alimento, cuxo uso está prohibido. Non se autoriza a achega de alimentos cárnicos nin a distribución ou diseminación de alimentos por lugares distantes do posto de espera ou agardo previsto.
Os titulares de terreos de réxime cinexético especial, que no seu correspondente plan anual de aproveitamento cinexético solicitaran a caza do xabaril na modalidade «en man», co correspondente calendario, deben compatibilizar a caza do xabaril nesta modalidade coas restantes modalidades permitidas; de xeito que non coincidan ou no mesmo espazo, (asignando uns determinados terreos ou cuarteis de caza para cada modalidade), ou no mesmo tempo, (non podendo coincidir polo tanto estas modalidades nas mesmas xornadas en todo o espazo cinexético).
Nestes terreos permitirase así mesmo a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, sendo necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente, e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).
B) Fóra do período hábil de caza para o xabaril (desde a entrada en vigor desta resolución ata o 15.8.2026 e do 1.3.2027 ata o 31.7.2027).
Polo risco sanitario asociado de transmisión de enfermidades de carácter epidemiolóxico con afección potencial sobre o home, como potencial reservorio de epizootias como a PPA, para evitar prexuízos importantes para os cultivos agrícolas, no caso de danos recorrentes ou repetitivos en determinadas zonas e pola incidencia na seguridade viaria pola incursión destes animais nas estradas, provocando accidentes de tráfico, en todos os terreos cinexéticos poderanse adoptar medidas paliativas unha vez que se produzan danos, así como medidas de control desta especie de xeito preventivo.
Neste período, previa solicitude, poderá autorizarse, de acordo coa orde de prioridade indicada no anexo I desta resolución:
– O desencame de xabaríns, con cans atrelados e/ou batidas disuasorias mediante o emprego de cans e sen armas.
– Captura en vivo, mediante o emprego de capturadoiros nas mesmas condicións que as descritas no apartado A anterior.
– A extracción de exemplares de xabaril mediante esperas, axexos e batidas.
2. En terreos non cinexéticos:
Nos terreos non cinexéticos e zonas de seguridade referidos nos artigos 32 e 42 respectivamente da Lei 13/2013, do 23 de decembro de caza de Galicia, para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Poderá permitirse a práctica da modalidade de agardo ou espera diurna e nocturna, previa solicitude do interesado, na que se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptivo neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe do servizo de Patrimonio Natural.
Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse ao Departamento Territorial, con polo menos 15 días de antelación á data de celebración. O prazo para resolver e notificar será dun mes, sendo o silencio administrativo desestimatorio.
Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:
a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2026/2027 realizarase utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.
b) En terreos de réxime cinexético común, terreos non cinexéticos e zonas de seguridade: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Quinto. Na Reserva Nacional de Caza de Os Ancares aplicarase o seu réxime especial de funcionamento.
Sexto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización da tempada de caza 2026/2027.
Poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, previa resolución, no caso de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.
Sétimo. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
miércoles, 29 de julio de 2026
BOLSAS DE FORMACIÓN EN CENTROS DE INVESTIGACIÓN DIRIXIDAS AO ESTUDANTADO DA UNIVERSIDADE DE VIGO CURSO 2026-27
Universidade de Vigo
Obxecto
O obxecto desta convocatoria é desenvolver programas formativos conxuntos coas empresas e coas institucións que melloren a empregabilidade do estudantado, a través do fomento dunha mellor formación teórica e práctica do estudantado, colaborando, en réxime de compatibilidade cos seus estudos, en actividades cun forte compoñente de aprendizaxe e adquisición de novas capacidades e destrezas directamente vinculadas á titulación en que se matricula.
Persoas beneficiarias
Alumnado matriculado en centros propios no curso 2026/27, nas titulacións oficiais de grao ou máster universitario sinaladas no anexo II da convocatoria, no campus en que se opta á bolsa.
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 22 de xullo ata o 2 de setembro de 2026.
lunes, 27 de julio de 2026
AXUDAS A ENTIDADES PRIVADAS PARA O FOMENTO DA GRATUIDADE DA ATENCIÓN EDUCATIVA DE GALICIA EN ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3 PARA O CURSO 2026-2027
Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027 (código de procedemento BS420C).
2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.
3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor, cociña, as actividades extras á atención educativa, os materiais e calquera outro tipo de servizos e conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Igualdade, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 da súa titularidade ou da súa xestión e cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estea debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e están empadroados nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará, en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
No caso de escolas infantís en que se producise un cambio de titularidade e a entidade cesante non solicitase esta subvención, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará, en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR, PARA OS ANOS 2026 E 2027
Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2026 e 2027.
2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:
A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.600 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.
Para efectos da presente orde considerase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social e Igualdade, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.
Persoas beneficiarias das axudas económicas
1. Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido na artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Licenciatura ou grao en Medicina.
2º. Licenciatura ou grao en Psicoloxía.
3º. Máster, experto ou especialista en Psicoxerontoloxía.
4º. Diplomatura ou grao en Enfermería.
5º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar Clínica, técnico Auxiliar Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermería que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
6º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. Título de técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de Asistente Persoal ou Auxiliar de Axuda a Domicilio.
8º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
9º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de Profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
10º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, enque se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.
d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, este certificado deberá estar referido á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Permanencia mínima da actividade subvencionada
O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.
Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.
Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.
SUBVENCIÓNS PARA A REDACCIÓN DE PROXECTOS E REALIZACIÓN DE OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUTURAIS
Axencia Galega da Industria Forestal
Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases pretenden contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoios:
– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común de Galicia (en diante, CMVMC), as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia así como as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para os efectos das axudas de minimis e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, pola que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). Segundo esta definición, son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto na versión vixente do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, na data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
b) Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresa en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
As solicitantes que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando estas sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004. Para verificar o cumprimento deste requisito, as solicitantes deberán achegar, xunto á súa solicitude, a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de publicación da convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, salvo que se produza antes o esgotamento dos fondos dispoñibles para esta axuda. No caso de esgotamento dos fondos, o peche do prazo producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o artigo 14.1.
2. O prazo comezará ás 9.00 horas do día que corresponda, unha vez transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará o seguinte día hábil, ás 9.00 horas.
3. O prazo rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde o seu inicio. Se o día de finalización do prazo é inhábil, o prazo rematará o seguinte día hábil, ás 20.00 horas.
PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA 2026
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
O obxecto desta orde é o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (código de procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:
a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 400 persoas no ámbito territorial do programa.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos que se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
• As agrupacións de concellos non poderán superar os 10 membros.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
viernes, 24 de julio de 2026
SUBVENCIÓNS A EMPRESAS PRIVADAS PARA O FOMENTO DA SUSTENTABILIDADE NO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE INDUSTRIAL DO SECTOR DOS RECURSOS NATURAIS EN GALICIA,2026
Consellería de Economía e Industria
Obxecto
Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para fomentar e incentivar a sustentabilidade nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2026, a través de cinco liñas de actuación.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 1 serán para financiar os investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a previr ou emendar danos á contorna física ou aos recursos naturais e, especialmente, os destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico mediante a redución das emisións de po e ruído.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 2 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición das persoas traballadoras ao po, ao ruído e ás vibracións.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 3 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 4 serán para financiar os investimentos destinados á adquisición de equipamentos que permitan mellorar a eficiencia enerxética en ámbitos distintos dos edificios nas empresas do sector mineiro, en especial as empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 5 serán para financiar os investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación, así como o seu seguimento anual e renovación das normas UNE 22480, Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos, e UNE 22470, Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores, as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
a) Para as liñas 1, 2, 4 e 5, as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
b) Para a liña 3, as empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que non estean incluídas na alínea anterior.
Para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE.
c) Para a liña 4, as empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades, de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento.
AXUDAS Á CONCILIACION DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL 2026
Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
Estas axudas están destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerzan o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.
Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos.
Persoas beneficiarias
1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, segundo as seguintes situacións:
a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, xa que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.
b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.
c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa a cargo da unidade familiar.
d) No caso de custodia compartida do/da menor, calquera das persoas proxenitoras.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:
a) Estar empadroado/a en Galicia.
b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
Nos casos de adopción ou acollemento familiar a/o filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos e non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
d) Que os ingresos da unidade familiar non sexan superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.
e) No caso de familias monoparentais deberase dispor dalgunha da seguinte documentación: certificado de familia monoparental; libro de familia ou inscrición no rexistro en que figure só a persoa solicitante; convenio regulador ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio.
f) Non recibir a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento no sistema da Seguridade Social da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, nin estar acollido ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
jueves, 23 de julio de 2026
AXUDAS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2026
Axencia Galega das Industrias Culturais
Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun (1) ano na epígrafe IAE 961.1, e cun centro de traballo ou oficina permanente de, polo menos, un (1) ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese empresarial.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
miércoles, 22 de julio de 2026
SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO 2026
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que na data de presentación da solicitude estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade, e cuxa actividade principal estea dirixida, directamente e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada das actuacións desenvolvidas no ano 2025 pola entidade solicitante. A devandita memoria deberá estar dispoñible antes da reunión da comisión de avaliación prevista no artigo 13.
As entidades deberán dispoñer, polo menos, dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta, e no cal se estean a levar a cabo programas de apoio a persoas con discapacidade, dependencia, en risco de exclusión, maiores, menores, familias ou mulleres en situación de vulnerabilidade. É nese centro ou centros de traballo onde as persoas que se contraten ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolver as súas funcións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
PREMIOS DE ARTESANÍA DE GALICIA 2026
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
Aprobar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, convocar os premios para o ano 2026 e autorizar a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión.
Beneficiarias/os
Artesás/áns e obradoiros artesáns con recoñecida traxectoria profesional e que están ou estiveron inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o premio a que opten.
Importe
A dotación económica global dos premios de Artesanía de Galicia é de 21.000 € e financiarase con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Os premios de Artesanía de Galicia constarán das seguintes categorías:
• Premio Artesanía de Galicia 2026.
Dotación de 9.000,00 € e trofeo acreditativo.
• Premio Traxectoria 2026.
Trofeo acreditativo e sen dotación económica.
• Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Ata tres bolsas de formación de 4.000 € cada unha e diploma acreditativo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 21 de setembro de 2026 e rematará ás 14.30 horas do 1 de outubro de 2026.

