CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é realizar a convocatoria e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación (código do procedemento: ED517B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
Lugar de realización (sedes)
O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.
Convocatoria do procedemento
1. As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade, son as recollidas no anexo I desta orde.
Requisitos de participación no procedemento
1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter feitos no momento de realizar a inscrición 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I, e 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita. Para todo isto presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.
2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentasen a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.
Presentación de solicitudes, documentación e comprobación de datos
1. As solicitudes deberán presentarse en papel na secretaría do centro integrado de formación profesional (CIFP) onde se vaia desenvolver o procedemento segundo o recollido no anexo II desta orde. A solicitude de participación no procedemento farase empregando a aplicación informática subministrada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion. A solicitude conforme o modelo que figura como anexo III desta orde, logo de ser cuberta e xerada pola aplicación, deberase imprimir para a súa presentación, xunto coa documentación indicada na solicitude. Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo alegados e dos requisitos de participación no procedemento segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde cargaranse na dita aplicación informática.
En caso de enviarse por correo, o envío da solicitude, deberá ser certificado, co selo de correos no encabezamento da primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia compulsada da documentación que se precise.
De non presentar a solicitude e documentación consonte o establecido anteriormente, as solicitudes serán excluídas do proceso de admisión.
2. Os solicitantes que participasen en convocatorias anteriores dentro dos últimos cinco anos e pasasen á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedaron como reservas por non disporse de prazas vacantes, se participaren na presente convocatoria e na mesma sede, non terán que presentar a documentación xa achegada. Tamén poderán acollerse na aplicación informática á opción de recuperar os datos cargados para actualizalos ou cargar unha solicitude de novo.
3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 10 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2018, ambos os dous incluídos.
4. Xunto coa solicitude cumprirá presentar a seguinte documentación:
a) Para todos os solicitantes.
– No caso de persoas estranxeiras, permiso de traballo, só no caso de opoñerse expresamente a consulta de residencia ou de non presentar o documento acreditativo.
– Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario/a ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se for o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean recollidos na situación anterior).
– Curriculum vitae europeo en formato oficial. Poderase xerar desde a aplicación cos datos incorporados nas pestanas de formación, experiencia e historial profesional e formativo.
– Certificado acreditativo da discapacidade, se non ten que ser emitido pola Xunta, no caso de solicitar algunha adaptación.
– Copia dos certificados que acrediten a formación alegada, nos cales consten os contidos e as horas de formación e o organismo que a acredita.
b) Solicitantes que reúnan os requisitos pola vía da experiencia laboral.
Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores e traballadoras asalariados.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (informe de vida laboral).
– Copia dos contratos de traballo.
– Certificado da empresa en que se adquirise a experiencia laboral no cal se reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se teña realizado a dita actividade segundo modelo de anexo V.
Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no Réxime especial correspondente.
– Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo en que se realizou, adaptado ao modelo de anexo V.
Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores ou traballadoras voluntarios ou bolseiros.
– Certificación da organización onde consten as actividades e funcións realizadas e o número total de horas adaptado ao modelo de V.
c) Solicitantes que non poidan xustificar a súa experiencia acolléndose ao artigo 6.2.
– Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar e permita contrastar os requisitos.
A documentación complementaria presentarase presencialmente nos centros educativos ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.
6. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.
7. Cada participante cubrirá unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.
8. Modelos normalizados de formularios.
Para calquera outro trámite que non requira a súa entrega expresa no centro educativo, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
9. Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos:
a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.
b) No caso de persoas extranxeiras, certificado de residencia en España.
Consultaranse, ademáis, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a. Discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia.
b. Situación actual de desemprego.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente do formulario da solicitude do anexo III e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.