CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral, previamente cualificadas no Rexistro Administrativo de EIL de Galicia, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
A través deste programa subvenciónanselles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social que teñan contratacións mínimas de seis (6) meses.
Entidades beneficiarias
1. As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
2. Tamén poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda solicitasen a súa cualificación como EIL, de conformidade co Decreto 156/2007.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022. Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.
Outros datos
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.
A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 8 de novembro de 2022.