miércoles, 29 de noviembre de 2023

PROGRAMA BONO ENERXIA PEME 2024

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2024 (código de procedemento IN417Z).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Z).

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións da CNAE 2009:

Sector servizos-sección CNAE 2009     División
Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas 45 a 47
Sección H: transporte e almacenamento 49 a 53
Sección I: hostalaría 55 a 56
Sección J: información e comunicacións 58 a 63
Sección K: actividades financeiras e de seguros 64 a 66
Sección L: actividades inmobiliarias 68
Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas 69 a 75
Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares 77 a 82
Sección P: educación 85
Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais 86 a 88
Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento 90 a 93
Sección S: outros servizos 94 a 96

2. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes
Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación das solicitudes comeza o 10 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas e rematará o 26 de xuño dese mesmo ano.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de outubro de 2024.

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE EUROTAXI, VEHICULOS TAXI DE EMISIÓNS CERO E VEHICULOS TAXI ECO PARA 2024

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

ORDE do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:
a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de febreiro de 2023 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2024). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de xuño de 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:
Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, ao menos, cinco (5) anos, desde a data da presentación da solicitude da axuda ou no suposto de non estar adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.
Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e a data límite establecida na orde para xustificar a axuda.
A data límite será o 31 de outubro de 2024, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de xuño de 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
Os solicitantes non poderán ter sido persoas beneficiarias dunha axuda análoga da Xunta de Galicia nos termos indicados no artigo 4.2 c).
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.
b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.
c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que a mesma persoa interesada acadase a condición de persoa beneficiaria con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2018, este incluído, para a mesma autorización VT-N, segundo os seguintes criterios:
– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi cero emisións non poderán obtela para a liña para taxi eco, e viceversa. Non obstante, en ambos os casos, sen prexuízo das obrigas de reintegro que puidesen proceder pola subvención outorgada con anterioridade, poderán ser persoas beneficiarias da liña para taxi adaptado (Eurotaxi).
– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi adaptado (Eurotaxi) non poderán obter esa condición para ningunha das tres liñas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2024.

Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado ademais da documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico.

martes, 28 de noviembre de 2023

ESGOTAMENTO DE CRÉDITO DAS AXUDAS E DOS PRÉSTAMOS PARCIALMENTE REEMBOLSABLES PARA O FINANCIAMENTO DOS PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito destinado á concesión das axudas e dos préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento dos proxectos de investimento empresarial (código de procedemento IG408A).

ESGOTAMENTO DO CRÉDITO AXUDAS PARA MISIÓNS COMERCIAIS DAS GRANDES EMPRESAS

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito destinado á concesión das axudas para misións comerciais das grandes empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

PROBAS DE CONSTATACIÓN DA CUALIFICACIÓN INICIAL PARA O EXERCICIO DA ACTIVIDADE DE CONDUTOR/A PROFESIONAL DE DETEMINADOS VEHICULOS DESTINADOS AO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS OU DE VIAXEIROS/AS POR ESTRADA EN GALICIA 2024

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se desenvolve a Resolución do 8 de novembro de 2023 pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2024 (Diario Oficial de Galicia número 220, do 20 de novembro de 2023) e se nomea o tribunal para as convocatorias do ano 2024.

Desenvolvemento das probas

1. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal, dentro do calendario publicado na Resolución do 8 de novembro de 2023 e publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio, de conformidade co disposto na sección 2ª do anexo V do Real decreto 284/2021, do 20 de abril. O lugar de realización será na cidade de Santiago de Compostela. Sen prexuízo do anterior, a distribución definitiva horaria e espacial das persoas aspirantes poderá ser modificada por decisión do presidente e do secretario do tribunal ata o momento da realización do exame por razóns organizativas.
2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.
3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Poderán presentarse ás probas convocadas pola Comunidade Autónoma galega con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar en que realizasen o curso preceptivo, ao abeiro do artigo 18 do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.
4. O tempo para a realización do exame será de 2 horas.
5. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.
6. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.
7. Unha vez rematado o exame, publicarase a relación de respostas estimadas correctas, coa maior brevidade posible, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.
Durante o día seguinte á publicación da relación de respostas correctas, as persoas aspirantes poderán facer chegar as impugnacións que consideren oportunas sobre as preguntas formuladas e remitilas á/ao secretaria/o do Tribunal a través do seguinte enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.gal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas e respostas, nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.
Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela.
A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aptos/as e non aptos/as, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. A partir de entón abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar á/ao secretaria/o do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración. As solicitudes de revisión deberán presentarse directamente ante a/o secretaria/o do tribunal, dentro do referido prazo de dous días, mediante a remisión ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal
Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.