martes, 31 de julio de 2018

SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS TURISTICOS NOS PROCESOS DE CERTIFICACIÓN, SEGUIMENTO E RENOVACIÓN DAS CORRESPONDENTES NORMAS UNE, CO OBXECTO DE OBTER E/OU MANTER A MARCA Q DE CALIDADE TURÍSTICA

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, ao seguimento e á renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018. Concretamente, serán subvencionables:
• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por unha entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior; quedan excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2018.
• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2018, unha vez acadada a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.
3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias e os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos ou servizos turísticos que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrita a actividade turística para a cal se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio de 2003), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos que indique o solicitante na solicitude de subvención.
No caso contrario, deberase achegar coa solicitude a documentación acreditativa da titularidade e/ou representación. Neste caso, a Axencia de Turismo de Galicia instará de oficio á actualización desa información no REAT.
2. Os requisitos para ser beneficiaria deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se establecen as bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

BOLSAS DESTINADAS AO ALUMNADO DAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA QUE PARTICIPA EN PROGRAMAS DE MOBILIDADE CON PAÍSES EXTRACOMUNITARIOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 140 bolsas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que participe, no curso 2018/19, en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+, relacionados cos estudos que está a cursar.

Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe, no curso 2018/19, en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+.

Prazo de presentación de solicitudes
Prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 5 de setembro de 2018.

lunes, 30 de julio de 2018

MODIFICACIÓN.- AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

REDISTRIBUCIÓN E MINORACIÓN DOS CRÉDITOS DAS SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES DESTINADAS A PARTICULARES

PROGRAMA DE SEGUNDA OPORTUNIDADE DE PERSOAS AUTÓNOMAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa da segunda oportunidade das persoas autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias
Serán persoas beneficiarias das axudas deste programa as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018, cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na seguridade social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e que cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade, segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se desen de alta antes da solicitude:
a) Que o cesamento da actividade se producise con seis meses de antelación, polo menos.
b) Que teña cotizado ininterrompidamente polo menos durante 18 meses nos últimos 5 anos ou de xeito alterno 36 meses nos últimos 10 anos no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego polo menos 6 meses seguidos. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
d) Darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de setembro de 2018.
e) Realizar unha formación de, como mínimo, 60 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, márketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique.
f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolvan a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

viernes, 27 de julio de 2018

AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE ACTIVIDADES DE DEMOSTRACIÓN E ACCIÓNS DE INFORMACIÓN PARA O SECTRO AGROFORESTAL E AGROALIMENTARIO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas a financiar actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e ás mulleres do medio rural, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura, así como facilitar a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías e coñecementos aos ditos sectores, coa finalidade de procurar un aumento da produtividade e eficiencia das explotacións agrarias e forestais e das empresas agroalimentarias, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2018. O seu código de procedemento é o MR330B.
2. Para o apoio a estas actividades de demostración e accións de información dotaranse orzamentariamente por separado os seguintes grupos/colectivos de beneficiarios:
a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a actividades cuxos asistentes sexan polo menos o 60 % mulleres.
b) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a grupos ou colectivos non comprendidos na letra a).
3. Non se financiará ningunha actividade de investigación nin campos de ensaio.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias), que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector e que teñan acreditada experiencia de dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.
Disporán dos medios axeitados e do persoal cualificado para a execución das actividades obxecto da subvención, con titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias ou afíns.
Deberán acreditar experiencia concreta no ámbito da actividade que se vai desenvolver.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

BOLSAS PARA PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto da convocatoria
Establecer, mediante o procedemento con código PR952B, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial á residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.
Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2018/19.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:

a) Ter entre 19 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.
b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.
c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou un ciclo formativo.
d) Non ser beneficiario dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.
e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015 do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.
f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:
– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.
– Que pasase polo menos 1 ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.
g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que foran bolseiros no CGTD con anterioridade e que estean a cursar estudos non oficiais.

Prazo de presentación
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.