martes, 4 de febrero de 2020

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, durante o ano 2020, cun máximo de 12 mensualidades.
A efectos da presente Orde considerase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.
O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212A.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Grao en medicina.
2º. Grao en enfermería.
3º. Título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, ou os títulos equivalentes de Técnico Auxiliar Clínica, Técnico Auxiliar Psiquiatría e Técnico Auxiliar de Enfermería que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, ou no seu caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
4º. Título de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou o título equivalente de Técnico de Atención Sociosanitaria, establecido polo Real decreto 496/2003, do 2 de maio, ou no seu caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
5º. Título de Técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, ou o título equivalente de Técnico Superior en Integración Social establecido no Real decreto 2061/1995, do 22 de decembro, para aqueles profesionais que á data de publicación do presente Acordo, atópense traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.
6º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou no seu caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de Profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, regulado no Real decreto 331/1997, do 7 de marzo, ou no seu caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2008.
b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, no que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e si no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.


lunes, 3 de febrero de 2020

PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO A TRAVÉS DO PROGRAM I E PROGRAMA II

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


PROGRAMA I: AXUDAS Á PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

 Obxecto
Este programa ten por obxecto a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral

Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral de presentación de solicitudes para o programa I regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2020.

PROGRAMA II: AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE PERSOAS ASALARIADAS.

 Obxecto
Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2020, os incentivos á contratación indefinida inicial e a formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade e pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

Prazo de presentación de solicitudes
a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2019 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola cal se solicita a subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
c) O prazo para presentar as solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO A TRAVÉS DO PROGRAMA I E PROGRAMA II

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA



PROGRAMA I: PEQUENAS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN

Obxecto
Xerar emprego estable para as persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social e as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:

a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención para a formación.
c) Subvención para o inicio da actividade.
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Entidades beneficiarias
1. As empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:
a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
2. As empresas privadas que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego (ILE).
3. As persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das propias persoas promotoras.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas de programa regulado nesta orde finalizará o 31 de xullo de 2020.

PROGRAMA II: INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CALIFICADAS COMO IEBT

Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.

Entidades beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2020.

PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas e entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2018.
2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.
b) A empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2018.
c) A empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2018 realizada inferior a 30.000 euros (segundo a casilla 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 30.000 euros refirirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.
3. Quedan excluídos desta orde:
a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN POR MATERNIDADE OU PATERNIDADE DA PERSOA TRABALLADORA AUTÓNOMA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.
2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.
3. Tamén se subvencionarán os gastos de gardería realizados no período subvencionable.

 Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de careceren deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización contraten unha persoa traballadora por conta allea.
2. Tamén serán beneficiarias as sociedades e comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables presentaranse desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020.

PROGRAMA DO BONO RENOVA NOS NEGOCIOS DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 xaneiro de 2020 ao 30 de setembro de 2020.
2. A finalidade deste programa é a concesión de axudas económicas para a realización dun relevo xeracional ordenado nos negocios das persoas traballadoras autónomas.

Persoas beneficiarias
1. Serán persoas beneficiarias destas axudas a persoa traballadora autónoma que vai transmitir o seu negocio por cesamento, e que no momento da transmisión estea nalgunha das seguintes situacións no momento da transmisión do negocio:

a) Que teñan 60 anos ou máis.
b) Pola declaración de incapacidade total ou absoluta (incluído grande invalidez) recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) As persoas herdeiras no caso de falecemento da persoa traballadora autónoma titular do negocio.
No caso das persoas traballadoras autónomas societarias para ser beneficiarios desta axuda a transmisión das accións ou participacións da sociedade debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirente, é dicir, posuír máis do cincuenta por cento das accións ou participacións da sociedade.
2. Tamén será beneficiaria da axuda a persoa que adquira o negocio e que estea dada de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) tras a súa adquisición.

 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020.

PROGRAMA DO BONO NOVA OPORTUNIDADE DAS PERSOAS AUTÓNOMAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia na súa convocatoria para o ano 2020.

Persoas beneficiarias
Serán persoas beneficiarias das axudas deste programa as persoas que se dean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro de 2020 ao 30 de setembro de 2020 e cesaran con anterioridade na súa actividade causando baixa na seguridade social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e que cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se deran de alta antes da solicitude:

a) Que o cese da actividade se producira con seis meses de antelación polo menos.
b) Que teña cotizado anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 6 meses durante a súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
d) Darse de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.
e) Realizar unha formación de mínimo 70 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique, que estea finalizada no prazo de 3 meses antes da alta e ata o 31 de outubro de 2020.
f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolvan a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020.