viernes, 21 de julio de 2017

CONVOCATORIA PRAZAS PERSOAS COLABORADORAS BOLSEIRAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, esta oferta de prazas para persoas colaboradoras bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2017/18 e establecer as bases para a súa concesión.
O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:
Cidade      Residencia                       Prazas     
Lugo     Centro Residencial Xuvenil LUG     4 Home/muller
Ourense  Florentino L. Cuevillas            5 Home/muller
Vigo     Altamar                            6 Home/muller
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:
1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.
2. Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 en 31 de decembro do ano en curso.
3. Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.
4. Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.
5. Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.
6. Ter unha renda media familiar que non supere o 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


jueves, 20 de julio de 2017

CONVOCATORIA PRAZAS DE RESIDENCIAS PARA PERSOAS COLABORADORAS BOLSEIRAS NOS CENTROS RESIDENCIAIS DOCENTES DA CORUÑA, OURENSE E VIGO PARA O CURSO 2017/18.

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Regular o procedemento (código ED308A) para adxudicar, de forma gratuíta, prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo no curso 2017/18.
Persoas beneficiarias
O alumnado matriculado en estudos universitarios no curso 2017/18, que teña dezaoito anos cumpridos, ou que acade esta idade dentro do ano natural 2017, e posúa capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 4 de agosto de 2017.

BOLSAS AO ALUMNADO DO SUG QUE PARTICIPA EN PROGRAMAS DE MOBILIDADE CON PAÍSES EXTRACOMUNITARIOS NO CURSO 2017/2018

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



Obxecto
Convocar en réxime de concorrencia competitiva 140 bolsas destinadas ao alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2017-2018 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+, relacionados cos estudos que está a cursar.
Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2017-2018 en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus+.
Orzamento e contía das bolsas
O importe global previsto na orde é de 210.000 €.
Cada bolsa terá unha dotación máxima de 1.500 €.
Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

PROGRAMA DE BOLSAS FORMATIVAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE MELLORA DAS PEMES GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de cen (100) bolsas para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, coa finalidade de formar titulados/as universitarios/as en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e co desenvolvemento estratéxico da empresa.
Os/as titulados/as participarán nun itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa e realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores/as do Igape en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao/á emprendedor/a ou proxectos colaborativos de asociacións ou clústers empresariais, período en que recibirán formación e titorización directamente por parte do/da axente colaborador/a.
Beneficiarios/as
Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles/as titulados/as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado/a beneficiario/a de subvencións.
c) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
d) Non ter desfrutado con anterioridade de ningunha outra bolsa do Igape.
e) Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o cal se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.
f) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do/a solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 48.d) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.
h) Ter nacido después do 31.12.1983.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de setembro de 2017.

martes, 18 de julio de 2017

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR PARA O ANO 2017.

OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO PARA O PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA DO ANO 2017

Categoría                             Nº de prazas   Sistema de acceso
Profesor/a titular de universidade        10           Quenda libre
Profesor/a contratado/a doutor/a          11           Quenda libre
Profesor/a contratado/a doutor/a           4           Quenda libre
(reserva do 15 % para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e obtivera o certificado I3)
Catedrático/a de universidade             10           Quenda promoción interna

AXUDAS PARA EXECUCIÓN DE PROXECTOS DOS GRUPOS OPERATIVOS DA ASOCIACIÓN EUROPEA DE INNOVACIÓN

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2017. O seu código de procedemento é MR331B.
En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións obxecto da presente orde os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para o desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación, investigación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada. Tanto as ditas entidades como os centros mencionados anteriormente poderán acceder á condición de beneficiarios.
Poderán ser tamén beneficiarias:
a) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
b) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.
c) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
Obriga de relacionarse electronicamente
Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo se farán a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes remata no termo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.



AXUDAS ECONÓMICAS PARA A CREACIÓN DE ESCOLAS INFANTÍS 0-3 EN POLÍGONOS INDUSTRIAIS E PARQUES EMPRESARIAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2017/2018 (código BS403D).
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:
Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.
Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos/as os/as non nados/as e en proceso de adopción.
Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.
Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.