lunes, 10 de marzo de 2014

CONVOCATORIA DE PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e ámbito de aplicación: Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2014.

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Requisitos das persoas participantes:Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.
Datas e lugares de inscrición: A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de marzo e 11 de abril de 2014, ambos os dous incluídos.
Realización da proba:  As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 4 de xuño de 2014 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.00 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
Requisitos das persoas participantes: Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e estean nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter dezanove anos ou facelos no ano natural de realización da proba.
b) Facer ou ter feitos os dezaoito anos no ano natural de realización da proba, e dispor dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción a que se opta, consonte o que se establece no anexo VII.
Datas e lugares de inscrición: A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14 (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro). O prazo de presentación estará abranguido entre os días 10 e 21 de marzo de 2014, ambos os dous incluídos.
Realización da proba: A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 7 de maio de 2014 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.15 ás 13.30 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

SUBVENCIÓNS AOS TITULARES DE AUTORIZACIÓNS DE TRANSPORTE DA SERIE VT-N

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas aos titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para instalar sistemas de seguranza, de transparencia na información e facilidade no cobramento, e de localización da frota nos seus vehículos.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.
3. En concreto, consideraranse gastos subvencionables os seguintes:
a) Sistema GPS debidamente instalado no taxi, o cal debe permitir que, ante unha situación de emerxencia en que perigue a integridade física do taxista, este poida activar un sinal que se reciba no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia. Debe tratarse, por tanto, de equipamentos que estean homologados no dito centro.
b) Taxímetro con impresora e TPV para o cobramento con tarxetas compatible cun sistema GPS que debe estar homologado no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.
c) Sistema de control de frotas con elementos de xestión, localización e control por satélite que estean conectados a un centro de control a través da tecnoloxía GPS.
4. En todo caso, a adquisición efectiva e pagamento dos sistemas para os que se solicita a axuda deberá realizarse no ano 2014.
5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Prazo de solicitude: ata o 10 de abril de 2014.

viernes, 7 de marzo de 2014

PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMIA SOCIAL E PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto: Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos seguintes programas:
Programa I-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
Programa II-Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.
Programa III-Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica.
Programa IV-Promoción das cooperativas xuvenís.
Programa V-Intercooperación e integración cooperativa.
Persoas e entidades beneficiarias: Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:
a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I de Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
b) As persoas desempregadas, as demandantes de mellora de emprego, así como as persoas asalariadas das cooperativas e sociedades laborais, nos termos e para as axudas previstas no programa II de Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.
c) As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou que acometan novos proxectos nos termos e para as actuacións previstas no programa III de Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, así como as persoas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento nos termos previstos no punto 3.2.1 da base terceira.
d) As cooperativas xuvenís para as actuacións e nos termos previstos no programa IV de promoción deste tipo de entidades.
e) As cooperativas e sociedades laborais que participen conxuntamente en proxectos de integración ou colaboración empresarial, nos termos e para as actuacións previstas no programa V de intercooperación e integración cooperativa.
Prazo de solicitude: O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no anexo I das bases.

AXUDAS A UNIVERSITARIOS PARA COÑECER OUTROS IDIOMAS DURANTE O VERÁN

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



Obxecto: Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 113 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2014, co obxecto de coñecer a lingua dese país, dirixidas ao alumnado universitario matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, para o curso 2013/14.
Requisitos dos/das solicitantes
1. Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as universitarios/as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado/a no curso 2013/14, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e ter superado no momento da presentación da solicitude 60 créditos na titulación que está a realizar.
b) Ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 7,00 puntos, para alumnos/as das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 6,00 puntos, para alumnos/as da rama de Enxeñaría e Arquitectura. A nota media será calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre esta consellería e as universidades galegas.
c) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.
2. Quedan excluídos/as desta convocatoria:
a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios/as desta axuda en anteriores convocatorias.
b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2013/14 sexan adxudicatarios/as dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o devandito programa.
Prazo de solicitude: ata o 7 de abril de 2014.

AXUDAS PARA A FORMACIÓN DO TRANSPORTE POR ESTRADA DE GALICIA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, que se inclúen como anexo I.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Prazo de solicitude: ata o 7 de abril de 2014.

jueves, 6 de marzo de 2014

AXUDAS ÁS ENTIDADES RECOÑECIDAS COMO AGRUPACIÓNS DE DEFENSA SANITARIA GANDEIRA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR



Obxecto
A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras para a realización das actuacións sanitarias establecidas no anexo IV da presente orde, e efectuar a convocatoria para as anualidades 2014 e 2015 de conformidade co establecido no Real decreto 784/2009.
Finalidade das axudas
1. A finalidade destas axudas é a mellora do status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais.
2. Os programas de planificación zoosanitaria comezarán o 1 de marzo de 2014 e rematarán o 28 de febreiro de 2015, e deberán incluír como mínimo os programas sanitarios marco obrigatorios establecidos no anexo IV.
3. De conformidade coa normativa reguladora, as axudas que se establecen son compatibles co mercado común e están exentas da obriga de notificación.
Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar oficialmente recoñecidas como ADSG e, polo tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido na presente orde, e que manteñan as condicións do recoñecemento durante todo o período de execución da axuda.
Quedan excluídas da condición de beneficiarios as ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún.
b) Comprometerse na execución dun programa sanitario común que incluirá como mínimo o Programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo IV da presente orde.
c) Estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en actividade, e que as ditas explotacións teñan a condición de pemes (pequenas e medianas empresas) de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
d) Estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación: ata o 7 de marzo de 2014.