Axencia Galega das Industrias Culturais
viernes, 6 de marzo de 2026
PROBAS DE ACCESO AOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E DE GRAO SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL DO SISTEMA EDUCATIVO, 2026
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio (código de procedemento ED312C) e de grao superior (código de procedemento ED312D) de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2026.
Finalidade e persoas destinatarias
1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
Validez das probas de acceso
1. De acordo co artigo 42 do Decreto 114/2010:
a) As probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio do Estado. O acceso a cada ciclo formativo de grao superior quedará determinado de acordo coa parte específica da proba superada.
b) Quen realice a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a supere na súa totalidade poderá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos en Galicia, durante os dous anos seguintes.
2. As exencións concedidas ao abeiro da presente convocatoria manterán a súa validez nas futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional en Galicia, sempre que se manteña a estrutura da proba.
Proba de acceso a grao medio, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan cumpridos dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.
Proba de acceso a grao medio, datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2025/26. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 16 de marzo e 26 de marzo de 2026, ambos os dous incluídos.
Proba de acceso a grao medio, presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2025/26. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición. No caso de solicitantes menores de idade, poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.
Proba de acceso a grao medio, realización
1. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 21 de maio de 2026 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
Proba de acceso a grao superior, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan feitos dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.
Proba de acceso a grao superior, datas e lugares de inscrición
A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2025/26. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 16 e 26 de marzo de 2026, ambos os dous incluídos.
Proba de acceso a grao superior, presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2025/26. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do), que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.
3. O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.
Proba de acceso a grao superior, realización da proba
A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010.
1. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 29 de abril de 2026 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua galega e Lingua castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
2. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
jueves, 5 de marzo de 2026
PROGRAMA DE AVAIS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA 2026
Instituto Galego da Vivenda e Solo
Obxecto e características do Programa de avais para a adquisición de vivenda
1. O Programa de avais ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que, na data de presentar a correspondente solicitude, teñan menos de trinta e seis anos. O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
2. O programa xestionarase en colaboración coas entidades financeiras que se adhiran a el a través da sinatura do convenio que figura no anexo I. Para tal fin, a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), calquera entidade financeira interesada, con oficinas abertas ao público en Galicia, poderá presentar ante a Dirección xeral do IGVS unha solicitude en que exprese o seu interese na subscrición do indicado convenio. Para estes efectos, deberá empregarse o formulario PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/). A medida que se vaian asinando os convenios, o IGVS dará publicidade na súa páxina web das entidades financeiras adheridas a este programa.
3. De acordo co disposto no punto terceiro do ordinal sexto da Resolución do 17 de marzo de 2025, o importe máximo dos avais que se concederán nesta convocatoria será de cinco millóns de euros.
4. A garantía prestarase ata un 20 % do prezo de adquisición da vivenda ou, se é o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor. En ningún caso se outorgará para garantir importes derivados de conceptos distintos aos indicados.
Cando a operación de financiamento con garantía hipotecaria sexa por un importe inferior ao prezo de adquisición da vivenda ou, de ser o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor, a garantía prestarase ata un 20 % do importe da operación de financiamento con garantía hipotecaria.
5. A garantía só se prestará cando a operación de financiamento con garantía hipotecaria estea destinada á adquisición da primeira vivenda en propiedade da persoa solicitante e o dito financiamento comprenda, cando menos, o 80 % do prezo de adquisición ou, se é o caso, do valor de taxación, sen poder chegar a superar o 100 % do respectivo importe.
6. O IGVS encargarase de comunicar á entidade financeira a resolución de concesión do aval, a cal servirá de toma de razón para o seu outorgamento e para a formalización do correspondente contrato de préstamo con garantía hipotecaria.
7. Con carácter adicional ás causas legalmente previstas para a extinción de calquera afianzamento, a garantía do IGVS respecto de cada operación de financiamento quedará automaticamente sen efecto no momento en que os pagamentos do principal alcanzasen o importe avalado. A partir dese momento, o IGVS quedará totalmente liberado da obriga de facer fronte ao aval.
8. A garantía ten carácter finalista, de maneira que o importe do préstamo avalado debe destinarse ao pagamento do prezo da vivenda financiada. Para tal efecto, os pagamentos que realice a persoa beneficiaria á entidade deberán destinarse a pagar exclusivamente a débeda hipotecaria e non outra débeda que poida ter coa entidade financeira.
Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa
1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.
c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda a adquira máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda a adquire máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.
Para estes efectos, partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a rendas das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondentes aos datos fiscais da/das persoa/s solicitante/s, correspondentes ao período impositivo con prazo de presentación vencido na data da solicitude.
Para os efectos da determinación do IPREM, computaranse os ingresos derivados da percepción pola/s persoa/s adquirinte/s das rendas que, en virtude da normativa reguladora do IRPF, estean exentas da declaración. Os citados ingresos complementaranse cos resultantes da base impoñible na consulta da declaración do IRPF, tendo a consideración de ingresos percibidos pola/s persoa/s adquirinte/s.
Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do último IPREM publicado na data da solicitude.
No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, o requisito dos ingresos será o que se determine na correspondente normativa reguladora.
2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a vivenda para que se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a ser a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de presentación da solicitude.
c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e os tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:
– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.
No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
3. Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/das persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/s persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en territorio español. Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:
a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.
b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio; situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.
c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 30 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se concederán no ano 2026, que se fixa en cinco millóns de euros. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do 30 de outubro de 2026, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
BOLSAS PARA REALIZAR PRÁCTICAS ACADÉMICAS EXTERNAS DO ESTUDANTADO DAS TITULACIÓNS DO CAMPUS AUGA CURSO 2025/26
Universidade de Vigo
Obxecto
O obxecto desta convocatoria é potenciar a empregabilidade do estudantado das titulacións do Campus Auga a través das prácticas remuneradas en empresas.
Persoas beneficiarias
Será beneficiario o alumnado que está matriculado en estudos de grao ou máster universitario das titulacións do Campus Auga de Ourense no curso 2025/26.
Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de catorce mil euros (14.000 €).
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 26 de febreiro ata o 12 de marzo de 2026.
AXUDAS DO PROGRAMA FOGAR VIVO
Instituto Galego da Vivenda e Solo
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto:
a) Establecer as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (en diante, o Programa), que se tramitarán cos códigos de procedemento VI426F e VI426H.
b) Establecer o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento, tanto a través de axentes inmobiliarios como a través dos concellos colaboradores.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026, con carácter plurianual.
Axudas do Programa
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para a adecuación e a reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a persoas menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas do Programa:
a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.
b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xuño de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
AXUDAS PARA A FORMACIÓN DE DOUTORES E DOUTORAS DAS UNIVERSIDADES DO SUG EN EMPRESAS E CENTROS DE INNOVACIÓN E TECNOLOXÍA, PROGRAMA DOUTORAMENTOS INDUSTRIAIS 2026
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para o desenvolvemento de proxectos de doutoramento industrial, programa Doutoramentos industriais, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, código do procedemento administrativo IN606D.
O programa Doutoramentos industriais ten como obxectivos:
a) Promover a colaboración efectiva e a transferencia de coñecemento entre as universidades do SUG e o tecido empresarial mediante a sinatura de convenios ou acordos que regulen o desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial.
b) Potenciar a captación de mozos e mozas investigadores e investigadoras para que desenvolvan proxectos de investigación nas empresas e centros de innovación e tecnoloxía que os contraten e que lles permita obter un doutoramento industrial en sectores de interese estratéxico rexional.
c) Posibilitar a incorporación de persoal doutor mozo ás empresas, unha vez que remate a axuda e, desta maneira, abrirlles novas saídas profesionais.
d) Fortalecer a colaboración entre as empresas e as universidades do SUG.
2. As axudas concedidas ás empresas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
3. Os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i conforme o establecido no número 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01).
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que estean validamente constituídos, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e conten cun ano de antigüidade mínima no momento da presentación da solicitude de axuda, que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizar un proxecto de doutoramento industrial en colaboración cunha universidade do SUG que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.
Segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica.
Os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma son aqueles que figuran inscritos (ou teñen resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.
b) As universidades do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE ACTUACIÓN EN FAVOR DAS ENTIDADES GALEGAS NO EXTERIOR 2026
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación (código de procedemento PR924B):
Programa 1. Gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.
Programa 2. Proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.
Programa 3. Accións de especial relevancia e/ou de promoción do Ano Santo Xacobeo.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2026.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria en cada programa as seguintes entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade:
– Programa 1: comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, federacións de comunidades e/ou entidades e centros de estudo e difusión da cultura galega sempre que conste no dito rexistro a realización de accións que potencien os vínculos con Galicia durante a última anualidade.
– Programas 2 e 3: entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir estas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.