miércoles, 25 de abril de 2012

SUBVENCION PREVENCION E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS EN MVMC

CONSELLERIA DO MEDIO RURAL E DO MAR

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas establecidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2012 en réxime de concorrencia competitiva.
Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible.
Actividades subvencionables.
1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.
2. As actuacións subvencionables nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en devasas e faixas auxiliares de pista coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os cales o beneficiario solicite a subvención.
3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, alén das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.
4. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, por tanto, as actividades subvencionables incluídas nesta liña deben estar sempre de acordo co previsto no devandito plan de prevención.
5. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:
a) Devasas:
Consistirá na roza mecanizada do mato a feito. Non se inclúe nesta actuación as rozas en rexenerado de piñeiro nin en montes cunha fracción de cabida cuberta arborizada igual ou superior ao 20%. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha largura tal que en condicións normais deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde estas áreas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.
A altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
b) Faixas auxiliares de pista.
Consistirá na eliminación nas marxes de vías e camiños forestais, do estrato arbustivo e subarbustivo, ata os catro metros desde a aresta exterior da vía ou camiño, sempre que sexa tecnicamente viable. Incluirase nesta actuación a roza de noiros e/ou da plataforma cando sexa necesario. O traballo realizarase con tractor de rodas de mais de 100 CV de potencia, dotado de brazo rozador ou rozadora de cadeas, segundo as necesidades.
A altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
c) Roza mecanizada en rexenerado de piñeiro.
Consistirá na roza mecanizada por faixas do mato con arboredo, co obxecto de defender a masa forestal, diminuír a densidade de pés e facela viable.
A masa forestal procederá da rexeneración natural de antigos piñeiros afectados polo lume, e a altura máxima dos pés será de 1,80 metros.
O traballo realizarase con tractor de rodas de máis de 100 CV de potencia, dotado de brazo rozador ou rozadora de cadeas, segundo as necesidades.
A altura do mato despois da roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.
6. Nas devanditas actuacións deberán facerse as pasadas necesarias para que o mato quede perfectamente cortado e triturado; non se admite pisar a vexetación de maneira que se poida levantar co paso do tempo.
7. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con rozadoras ou apeiros manuais similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e porcentaxes máximas de subvención previstas no artigo 20.
8. A superficie mínima para solicitar para todas as devanditas actuacións será de 10 ha e a máxima de 20 ha, para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC e de 40 ha como máximo, para expedientes en que a devandita superficie sexa maior o igual a 1.000 ha. Estes máximos poderán incrementarse ata 30 ha no primeiro caso, sempre que, polo menos, se soliciten 10 ha para roza mecanizada en rexenerado de piñeiro e ata 60 ha, para o segundo caso, sempre que polo menos se soliciten 20 ha para roza mecanizada en rexenerado de piñeiro.
Requisitos:
1. A superficie forestal mínima por expediente será de duascentas cincuenta hectáreas (250 ha). Para acadar a superficie as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC) poderán formar unha agrupación, as cales terán que ser estremeiras ou pertencer a un mesmo distrito forestal e sempre localizarse nunha mesma provincia.

2. Excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estea localizada nalgún espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, segundo o recollido no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG n.º 69, do 12 de abril) a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 100 ha.

As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións.