AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Obxecto
Establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que se dediquen a realizar espectáculos musicais con público e que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver os citados espectáculos dentro da programación do Xacobeo 21-22.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dadas de alta no IAE cun ano mínimo de antigüidade nas epígrafes 965.2, 965.3 e 965.4 e que desenvolvan espectáculos musicais con público de xeito habitual e profesional en Galicia.
2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as agrupacións de entidades que cumpran cada un dos requisitos anteriormente sinalados de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os supostos de agrupacións, os membros non poderán presentar proxectos de forma individualizada.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.