CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2021, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).
As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.9.2020 e o 30.9.2021.
Para os efectos da presente orde considéranse gastos de edición os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.
Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicas ou dixitais.
Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.
Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar esta subvención para o ano 2021.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2021, de acordo co establecido na presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.