AXENCIA TURISMO DE GALICIA
Obxecto e réxime
Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o CSHG, para o curso 2021/22, código de procedemento TU200A.
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar estas bolsas os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2021/22, no seu primeiro curso.
2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2021/22, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.
En todo caso, só poderán obter bolsa neste suposto os/as alumnos/as que non obtivesen bolsa en ningunha ocasión anterior e superen o curso nas convocatorias de xuño a excepción do stage.
Clases e contías das bolsas
1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro).
2. As bolsas serán de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014, modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019:
Tipo I. Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.
Tipo II. Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.
3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2021/22:
a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de diploma superior en Xestión Hoteleira.
b) 12 bolsas tipo II para o 1º curso de diploma superior en Xestión Hoteleira.
c) 3 bolsas tipo II para o 1º curso de diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Aboamento e xustificación
A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.
Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.