CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
ObxectoEsta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia para o curso 2021/22 (código de procedemento BS403A) e proceder á súa convocatoria.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2018 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.
b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:
1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, polo traballo en quenda de tarde ou en quendas rotativas de ambos/as proxenitores/as, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida, sempre que se tivese exercido a opción do programa Bono concilia.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2020/21 e solicitala para a mesma nena ou neno.
5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
6º. Ser beneficiario/a dunha praza do servizo de educación infantil en escolas infantís de titularidade privada durante o curso 2020/21 e cumprir os requisitos para a súa renovación.
7º. Ter un segundo irmán ou segunda irmá que no curso 2020/21 estivese asistindo a unha escola infantil 0-3 de titularidade privada acollida ao programa da gratuidade da atención educativa.
c) Escolarizar o neno ou a nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.
2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
2. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 29 de outubro de 2021, nos seguintes supostos:
a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.
b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.
c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2021, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.