CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Obxecto
Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes ao curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE número 224, do 18 de setembro de 2003), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.
Outros datos
As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo II a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da documentación indicada na base sexta da orde.
Proxectos de investigación
Os once proxectos de investigación en que poderán formarse son os seguintes:
Legado científico de Jürgen Untermann; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega); Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia; Legados literarios.