AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Obxecto
Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, e convocalas para o ano 2021 (código de procedemento CT404D).
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as seguintes:
1.1. Modalidade A.
As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual que leven a cabo algunha actividade de creación e produción no campo audiovisual galego baixo as epígrafes 961.1 ou 962.1 do IAE e participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte, e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.
1.2. Modalidade B.
1.2.1. As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine que se relacionan na base seguinte.
1.2.2. As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte, sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.