viernes, 9 de julio de 2021

SUBVENCIÓNS PARA GASTOS CORRENTES DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 23 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT215A).

Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2021, de acordo co establecido nesta orde.
Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:
a) Institucións sen ánimo de lucro.
b) Entidades locais.
As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Prazo de presentación de solicitudes
As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.