lunes, 5 de julio de 2021

SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS ESCRITORAS, ILUSTRADORAS E TRADUTORAS NAS ACTIVIDADES QUE SE REALICEN NO SECTOR DO LIBRO 2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 10 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se realicen no sector do libro no 2021, e se procede á súa convocatoria para este ano (código de procedemento CT221A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades de tal sector que se celebren no ano 2021. Código do procedemento CT221A.
Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte, que permitan a asistencia fóra de Galicia ás seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar esta subvención para o ano 2021.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:
a) Terse inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
b) Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
c) Ter publicado obra en Galicia ben como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación de esta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2021 (incluído).