jueves, 29 de julio de 2021

PRAZAS E BOLSAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS DEPENDENTES DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CUROS 2021-22

                                        CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería e se convocan para o curso académico 2021/22 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Obxecto
O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, o procedemento de adxudicación de prazas e de bolsas, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22, e establecer as bases para a súa concesión.
As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes.
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Persoas beneficiarias
1. A adxudicación de prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22, destínase a persoas estudantes e persoas traballadoras que cumpran os requisitos xerais e específicos establecidos na convocatoria. Así mesmo, coa adxudicación de prazas destínase unha liña de bolsas para persoas estudantes colaboradores que ademais dos requisitos xerais cumpran os requisitos específicos establecidos para a súa concesión.
2. Así poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:
a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude.
b) Non ter perdido a condición de residente en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.
3. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias sen bolsas deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303B):
a) Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2021.
b) Estar cursando estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutorados ou estudos de mestrados universitarios oficiais.
c) Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.
Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales a persoa solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.
4. As persoas traballadoras que soliciten prazas nas residencias xuvenís deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303D):
a) Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2021.
b) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
c) Que, no caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
d) Para o caso de ser unha persoa traballadora por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.
5. As persoas estudantes que soliciten prazas nas residencias e a concesión de bolsas como colaboradores deberán reunir os seguintes requisitos específicos (código de procedemento BS303C):
a) Ter os 18 anos cumpridos e non superar os 30 na data do 31 de decembro de 2021.
b) Non ter perdido a condición de persoa colaboradora bolseira de que foi beneficiaria en convocatorias anteriores por causa imputable á persoa solicitante.
c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade como persoa colaboradora na residencia xuvenil.
d) Ter unha renda media familiar inferior ao 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 11.2.a).
e) Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas persoas que non se encontren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.


Outros datos
Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial ás residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.
Neste marco xeral hai que incardinar esta orde coa apertura dunha nova convocatoria para o ano 2021 do procedemento de adxudicación de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e proceder á súa convocatoria, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.