viernes, 2 de julio de 2021

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EXPLOTACIÓNS AGROPECUARIAS

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (código de procedemento IN418D).

Finalidade
1. A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas correspondente á anualidade 2021 para a concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, publicado no BOE núm. 59, do 10 de marzo de 2021 (código de procedemento IN418D).
2. Por medio desta orde convócanse axudas para as seguintes actuacións:
Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío.
Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias.

Beneficiarios
1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En concreto, os seguintes:
a) Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada ou pública titulares dunha explotación agropecuaria.
b) Comunidades de regadores e outras organizacións cuxo fin consista na xestión común de auga para a rega agrícola ou a xestión común doutros combustibles e fontes de enerxía para fin agropecuario.
c) Titulares de explotacións agrícolas de regadío que utilicen redes de rega para cuxo funcionamento sexa necesario actualmente o consumo de enerxía eléctrica.
d) Calquera organización ou asociación de produtores agrícolas recoñecida pola autoridade competente.
e) As comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo a definición da Directiva 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018.
f) As empresas de servizos enerxéticos (ESE) ou provedores de servizos enerxéticos definidas no Real decreto 56/2016.
Para os efectos desta convocatoria, considéranse explotacións agropecuarias aquelas cuxas actividades están incluídas no CNAE 2009 entre as clases 01.11 e 01.64.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do 22 de xuño de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2021, data de finalización da vixencia do programa establecida no artigo 4 do Real decreto 149/2021.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazos de execución e xustificación das actuacións
1. O prazo máximo de execución das actuacións será de doce meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.
2. O prazo máximo de xustificación será de tres meses desde a finalización do prazo máximo concedido para a execución das actuacións.