lunes, 19 de julio de 2021

PRAZAS DE RESIDENCIA E COMEDOR NOS CENTROS DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA CURSO 2021-22

 AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2021/22 (código de procedemento MR207A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e convocalas para o curso académico 2021/22 nos CFEA de Lourizán (Pontevedra), Sergude (Boqueixón), Pedro Murias (Ribadeo) e Becerreá (código de procedemento MR207A).
2. O número de prazas ofertadas é o que se indica a continuación:

CFEA                      Nº total de prazas en réxime de pensión completa                                                     Nº total de prazas de comedor (só xantar) para curso completo

CFEA de Lourizán (Pontevedra)               32                                                                                          28

CFEA de Sergude (A Coruña)                   52                                                                                          25

CFEA Pedro Murias (Ribadeo)                  0                                                                                           22

CFEA de Becerreá (Lugo)                          0                                                                                           35

No caso de non utilizar o total de prazas ofertadas en pensión completa, as vacantes que se produzan poderán acumularse ás prazas de comedor para o curso completo.

Requisitos para ser persoa adxudicataria
Para poder acceder ás prazas de residencia reguladas nesta resolución, as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ser cidadás de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.
b) Ter feitos ou facer durante o ano 2021 os 18 anos de idade, no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán, ou ter feitos os 16 anos de idade no ano da convocatoria no caso das prazas en pensión completa que se ofertan no CFEA de Sergude.
c) Estar matriculado no centro solicitado durante o curso escolar.

Tipos de prazas
As prazas que se ofertan nesta convocatoria son de dous tipos:
a) Residencia en pensión completa.
A modalidade de residencia en pensión completa inclúe o uso dunha habitación e aseo compartidos e o dereito a almorzo, xantar e cea.
As persoas que teñan asignada unha praza en pensión completa na residencia poderán facer uso dela todos os días lectivos do centro que non sexan vésperas de festivo. O horario de funcionamento da residencia do CFEA de Lourizán será de luns ás 8.00 horas ata o venres ás 15.00 horas. No caso da residencia do CFEA de Sergude será de domingo ás 21.00 horas ata o venres ás 15.00 horas.
b) Comedor para o curso completo.
A modalidade de comedor para o curso completo dá dereito a xantar na sala de comedor durante todo o curso de luns a venres, todos os días lectivos do centro en que se oferte o servizo. A oferta do servizo variará dun centro a outro en función da organización da actividade lectiva.

Prezos públicos
1. As persoas beneficiarias das prazas recollidas no artigo 1 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor (DOG núm. 176, do 16 de setembro).
2. No caso das prazas de residencia en pensión completa, o primeiro pagamento realizarase antes do inicio do servizo.
3. No taboleiro de anuncios de cada CFEA publicarase un calendario co número de días en que o centro permanecerá aberto en cada trimestre escolar, indicando os días en que se ofrece pensión completa e os días en que só se ofrece o xantar.
4. As persoas beneficiarias das prazas de residencia en pensión completa deberán realizar, antes de comezar o trimestre, o pagamento total dos servizos que poden recibir nese período. O importe do pagamento trimestral calcularase empregando os prezos/persoa/día para os servizos de pensión completa por período inferior a un curso escolar, e de xantar por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular, en función dos días nos que se ofreza o servizo en cada centro.
5. As persoas beneficiarias de prazas de comedor durante todo o curso, deberán realizar o pagamento antes do inicio do servizo. A dirección de cada centro decidirá a forma de realizar estes pagamentos, que poderán acumularse por períodos de tempo, segundo as necesidades organizativas da residencia. O importe dos pagamentos que se establezan para cada período calcularase empregando os prezos/persoa para os servizos de xantar por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular.
6. O alumnado con praza na residencia ou no comedor que se incorpore á Formación en Centros de Traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación no dito centro de traballo. No caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita FCT fóra do centro, a persoa interesada deberá presentar a renuncia e a praza quedará dispoñible para a adxudicación polo sistema previsto no artigo 10.

Presentación de solicitudes, lugar, prazo
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación das solicitudes será do 20 de xullo ao 30 de xullo de 2021.
5. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarana para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude, de acordo co prazo establecido no punto 4, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexan repetidores/as deste.
6. En todo caso, de ser preciso valorar as solicitudes para poder obter a correspondente puntuación, deberán entregar cuberta a declaración que consta no anexo I. Debe constar a puntuación de cada criterio que se vaia valorar, as persoas que conviven no domicilio familiar e as circunstancias que poidan presentarse e deban terse en conta no caso de empate.
A comisión de valoración só asignará puntuación ás persoas solicitantes, se na declaración aparecen cubertos os datos precisos para cada criterio. De non ser así, asignarásenlles 0 puntos.
7. Establécense dous prazos extraordinarios de presentación de solicitudes, que serán do 2 de setembro de 2021 ata o 6 de setembro de 2021 e do 21 de setembro de 2021 ata o 8 de outubro de 2021. No caso de que non existan prazas vacantes no momento da presentación da solicitude, as persoas interesadas pasarán a formar parte da lista de agarda.