martes, 20 de julio de 2021

FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO A TRAVÉS DO PROGRAMA I, PARA AS PEQUENAS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN , E PROGRAMA II INCENTIVOS ÁS IEBT

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 30 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e do Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021.

Programa I para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I)

Obxecto
A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego, mediante os seguintes tipos de axuda:
a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención para a formación.
c) Subvención para o inicio da actividade.
d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:
a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotores non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
2. Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.


Programa II de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E)


Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.
Entidades beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2021.