AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto
A instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.
Para efectos desta resolución consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades comprendidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.
Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación das presentes bases no DOG. Se a finalización do prazo coincidir en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.