CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
Regular o procedemento de concesión das axudas tramitadas ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.
Para os efectos deste plan, terán a consideración de parcelas agrícolas:
– Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada no Sixpac como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras…) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).
– Parcelas en que se localice unha instalación agrogandeira.
– Parcelas incluídas na solicitude de axuda para os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do ano 2020.
Entidades beneficiarias
Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.
Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da Resolución do 28 de decembro de 2020, pola que se aproba o Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Outros datos
A concesión de axudas tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.
A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.