AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Convocatoria
Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das axudas previstas na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxías renovables, de uso térmico, destinadas a particulares, e na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares (código de procedemento IN421N).
Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de cinco (5) días hábiles, a partir 25 de xaneiro de 2021 incluído, desde as 9.00 horas, e para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).
Adhesión de entidades colaboradoras
1. Adhesión simplificada.
a) Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, reguladas na Resolución do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, para a anualidade 2021.
b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.
Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participaran no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, da anualidade 2020.
Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido.
2. Adhesión común (altas novas entidades colaboradoras).
a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.
b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo II) e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.
c) Documentación complementaria:
1º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
i. Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se for o caso, declaración responsable de exención de pagamento segundo figura no anexo I.
ii. Convenio de colaboración (anexo II) debidamente asinado pola entidade colaboradora.
Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.
iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.
iv. Cando se trate de medianas ou pequenas empresas, deberá achegarse declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique ás empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4º. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (5MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
d) Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
1º. NIF da entidade colaboradora.
2º. DNI/NIE da persoa solicitante.
3º. DNI/NIE da persoa representante.
4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.
5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa facenda autonómica.
7º. Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.
8º. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
e) Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).