CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. A orde, en réxime de concorrencia non competitiva, ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión das primas de mantemento correspondentes ás superficies forestadas mediante as axudas á creación de superficies forestais (medida 8.1 do PDR de Galicia 2014-2020, procedemento MR670C) dos anos 2021, 2022 e 2023.
2. Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro das ordes do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2016 (DOG nº 248, do 30 de decembro de 2015), do 8 de xuño de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para ano 2017 (DOG nº 115, do 19 de xuño de 2017), e do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 81, do 26 de abril de 2018), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020; e que non fosen beneficiarios da convocatoria destas primas no ano 2019 (DOG nº 23, do 1 de febreiro de 2019), e no ano 2020 (DOG nº 229, do 2 de decembro de 2019).
2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público nin locais.
4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.