miércoles, 13 de enero de 2021

AXUDAS PARA O FUNCIONAMENTO DE ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social coa finalidade de consolidar a oferta existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral en que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias (código de procedemento BS420A).
Estas axudas, dirixidas ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e á mellora da súa calidade, constan de dúas liñas: a liña 1 financiará gastos de mantemento destes centros e a liña 2 compensaralles pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa de segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar e pola gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas por quen reúnan a dita condición para o curso 2021/22.
O período subvencionable en ambas as dúas liñas é o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022.
2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario. Así mesmo, os nenos e nenas deben ter a súa residencia en Galicia e entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:
1º. As fillas e os fillos agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
2º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 para a que se solicitan as axudas cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil para a que se solicitan as axudas estea aplicando no curso 2020/21 un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.