ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
ObxectoA convocatoria dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo. A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas nas cales non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
– Ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2015 e ter acreditada a titulación de licenciatura ou grao en dereito ou en ciencias xurídicas das administracións públicas.
– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se declarará de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.
– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que for esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, manifestar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento da incorporación a esta escola, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.
– Ter competencia en lingua galega no nivel de Celga 4 ou superior.
– Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da EGAP para a formación en estudos relacionados co dereito administrativo en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior gozase da bolsa por un período de tempo non superior a seis meses. Para estes efectos non será computado o período en que a persoa interesada estiver na situación de incapacidade temporal durante o desfrute da bolsa.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.
Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I a esta resolución.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou memoria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).