jueves, 28 de enero de 2021

AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACIÓN CONVOCATORIA 2021 E 2022

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior –priorizando os mozos sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoia ás pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á disposición das pemes e dos organismos empresariais información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas e organismos empresariais que cumpran os seguintes requisitos:
1. Empresas, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.
2. Asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009). Todos deben ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.
As empresas terán que dispor do Informe de Alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de Programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de Alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.
3. Os solicitantes terán o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Os solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.
5. Os solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise a 31 de decembro de 2019. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de maio de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.