INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores. O Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de ata 400.000 € de axuda. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta como na demanda.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1 das bases reguladoras.
Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia, sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.
No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tivesen actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.
2. No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física. Se a axuda se concedese, o/a beneficiario/a deberá solicitar o cambio de titularidade do expediente a favor da entidade creada xuntando os documentos da súa constitución, que deberá axustarse aos requirimentos destas bases, e no documento de constitución deberá constar expresamente a asunción dos dereitos e obrigas derivados da concesión da axuda por parte da nova entidade.
3. Nos supostos de sucesión de empresa, considerarase actividade emprendedora a realización da actividade empresarial por parte da persoa ou entidade sucesora inter vivos ou mortis causa, sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases para ser considerada persoa emprendedora. Nestes casos, os 42 meses de antigüidade contarán desde a asunción efectiva da actividade empresarial por parte da persoa ou entidade sucesora, o que deberá acreditar documentalmente o/a solicitante.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará transcorridos 45 días naturais.