CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2021 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
Persoas beneficiarias
1. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas en 2021, incluíndo as regularizacións destas liñas de plans anteriores, sempre que cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde, segundo se desprende do artigo 20.1 do Real decreto 425/2016, así como do punto décimo do cuadraxésimo segundo Plan de seguros agrarios combinados aprobado pola Comisión Xeral da Entidade Estatal de Seguros Agrarios con data do 23 de novembro de 2020 e da disposición adicional primeira desta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
2. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Prazo de presentación de solicitudes
Nos anexos I, II e III da orde establécense as datas de inicio de subscrición de pólizas de seguro correspondentes ás diferentes liñas de seguro que compoñen o Plan de seguros agrarios.
A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de que non foi obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.