INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fomentar a cooperación para a competitividade e a innovación empresarial en distintos ámbitos de interese para a actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) para a posta en marcha do clúster emerxente, cofinanciando a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas nese primeiro plan estratéxico, no caso de que fose elaborado con anterioridade.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) que cumpran as seguintes condicións:
a) Que creasen unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster, cunha antigüidade inferior a dous anos respecto da data de solicitude da axuda, e domicilio social en Galicia.
b) Que representen unha cadea de valor arredor dun sector de actividade eminentemente industrial ou ben que representen un agrupamento transversal (por tecnoloxía ou por mercado obxectivo) que teña impacto na dixitalización ou na sustentabilidade de tecido empresarial.
c) Que, en calquera das dúas posibilidades anteriores, representen un subconxunto da actividade empresarial galega cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2019.
d) Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos iniciais sexan empresas e que o 50 % ou máis delas dispoñan dun centro de traballo en Galicia.
e) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 10 de marzo de 2021.