AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, para o exercicio 2021, que se xuntan a esta resolución como anexo I.
2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2021 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VIII (código de procedemento IN421O).
3. Convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e o aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, que non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento. Estas serán seleccionadas mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, que se regula na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, que se publicará simultaneamente ás bases reguladoras destas axudas.
2. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
As solicitudes deberanse presentar exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 3 de marzo, ás 9.00 horas, e finalizará o 1 de xullo de 2021.