viernes, 8 de enero de 2021

AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS 2021

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR536A).

Obxecto
As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:
1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.
2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.
3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
4. A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Entidades beneficiarias
Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas, pola Comunidade Autónoma galega.
b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se for o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE do Consello e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal («Regulamento sobre cría animal») e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifica o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro; e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.
d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, definición que se inclúe no anexo II desta orde.
e) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).
f) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, poderán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019. Tamén poderán integrarse nunha asociación de segundo grao as asociacións recoñecidas para diferentes razas.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.